Saturday 18 de May de 2024

O xerente do Xacobeo asiste en Asturias a unha mesa de traballo sobre o Camiño do Norte


Rafael Sánchez explicou as diferentes melloras de seguridade viaria, de sinalización e das infraestruturas que Turismo de Galicia realizará nesta ruta

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou no Liceo de Navia (Asturias), nunha mesa de traballo sobre a xestión do Camiño do Norte, un ben declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2015. Na reunión detallou as actuacións que Turismo de Galicia está a desenvolver neste itinerario.

O directivo explicou que a Xunta de Galicia mellorará a sinalización e a seguridade viaria do Camiño do Norte, dándolle unha nova delimitación. O proxecto que recolle estas melloras xa está redactado e suporá un investimento duns 2 millóns de euros.

Rafael Sánchez tamén detallou que a Xunta de Galicia ten outras melloras proxectadas como a creación dun novo albergue no treito do Camiño que vai desde a localidade lucense de Baamonde (Begonte) ata o concello coruñés de Sobrado dos Monxes. Nesta etapa, de máis de 40 quilómetros, non existe na actualidade ningún albergue de carácter público.

Así mesmo, segundo expuxo o xerente, Turismo de Galicia tamén levará a cabo outras actuacións complementarias nesta ruta como traballos de rehabilitación do patrimonio ou o traslado do centro de interpretación do Camiño do Norte, actualmente situado fóra da ruta, ao Centro Cultural Alcántara, en Mondoñedo (Lugo), xunto ao albergue de peregrinos.

A reunión foi convocada polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago de Valdés-Luarca e a Astur-Galaica da Costa e nela tamén participaron a directora xeral de Patrimonio Cultural do Principado de Asturias, Otilia Requejo, alcaldes dos camiños da ruta e o Presidente da Agrupación de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Norte.